Axencia Galega desenvolvemento rural_positivo

A Xunta lanzará o próximo 18 de marzo a súa segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”

Ines Sante en el foro esenciais en bioeconomia
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento participou no Foro Esenciais en bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Inés Santé puxo en valor esta iniciativa que conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros, para obter solucións innovadoras que impulsen a recuperación dos núcleos rurais galegos. Na primeira consulta pública, 124 pemes e 44 corporacións presentaron un total de 168 propostas coas que dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural.

A Xunta lanzará o vindeiro 18 marzo a súa segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Así o anunciou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa participación no Foro Esenciais en bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera).

No apartado do evento dedicado ao rural, a directora xeral referiuse a esta iniciativa do Goberno galego que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. Segundo apuntou, o seu obxectivo é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e que proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial contribuíndo así a grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático.

Deste xeito, co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, Inés Santé salientou que se busca desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo unha serie de solucións innovadoras en catro liñas diferentes. Así, inicidirase no desenvolvemento de servizos dixitais rurais, en solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, na sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e na construción e urbanización sustentable nas aldeas con solucións baseadas na natureza e na transición enerxética.

Ás portas da segunda fase da consulta preliminar ao mercado co fin de identificar necesidades específicas, definir os casos de uso e establecer aplicacións concretas para fixar o alcance do proxecto de aldeas intelixentes, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que na primeira consulta se presentaron un total de 168 propostas, a cargo de 124 pemes e de 44 corporacións.

Cabe engadir que a iniciativa, que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.