Axencia Galega desenvolvemento rural_positivo

Aldeas Intelixentes

Solucións de futuro para aldeas sostibles

Que é Aldeas Intelixentes

Aldeas Intelixentes, Solucións de futuro para aldeas sostibles, é un proxecto da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia que persegue obter solucións innovadoras que permitan impulsar a recuperación dos núcleos rurais co fin de conseguir un territorio rural intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria, o declive demográfico ou o cambio climático.

O proxecto ten como obxectivo levar a cabo unha Compra Pública de Innovación para a cal se pon en marcha esta Consulta Preliminar ao Mercado.

Solicitude de propostas (2021)

Perséguense ideas ou solucións innovadoras que teñan un orzamento aproximado de cincocentos mil a un millón e medio de euros (500.000 – 1,5 millóns de euros). Seleccionáronse as que mellor se adecuan aos retos do proxecto. Publicouse unha ficha de avance por cada proposta seleccionada.  

Solicitude de propostas (2022)

Ata o 18/04/2022 está aberta unha solicitude de propostas que dean resposta aos retos recollidos nas fichas de avance para completalos con casos de uso e funcionalidades concretas para así establecer un Mapa de demanda temperá.

Os retos de Aldeas Intelixentes

Co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, proporcionando ferramentas ás aldeas que permitan aproveitar as súas potencialidades, quérense desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo soluciones innovadoras en 5 liñas:

Participa na Consulta Preliminar ao Mercado

Reto 1 - Plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local

O obxectivo principal deste reto é o desenvolvemento dunha plataforma dixital intelixente e colaborativa que AGADER poida poñer ao dispor da rede de Aldeas Modelo e que facilite a xestión dos servizos públicos destas, ofrecendo unha visión transversal, integral e integrada de cada aldea, servindo de base para a planificación e toma de decisións coordinadas e eficientes, e ofrecendo, en definitiva, unhas mellores e máis adaptadas prestacións á cidadanía das Aldeas Modelo.

Esta plataforma será albergada pola Xunta de Galicia, deberase poder adaptar ás necesidades específicas de cada Aldea Modelo e, posteriormente, será xestionada por cada concello, sendo tamén accesible aos cidadáns e axentes da rede como usuarios. Deberá poder implementarse con facilidade e albergar diferentes módulos, entre os que se atopan:

1. Módulo de rueiro dixital
2. Módulo de xestión de infraestruturas
3. Módulo de xestión colaborativa de servizos públicos
4. Módulo de planificación e xestión de roteiros

Reto 2 - Plataforma para a trazabilidade e valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das Aldeas Modelo

O obxectivo deste reto é o desenvolvemento dunha plataforma que será albergada pola Xunta de Galicia e posta ao dispor dos produtores agroalimentarios da rede de Aldeas Modelo, e que conecte dixitalmente toda a cadea de valor dos produtos derivados da actividade agroalimentaria, garantindo unha trazabilidade total e proporcionando información aos compradores, para fomentar a compra dos produtos locais e de produción medioambientalmente responsable.

Esta plataforma deberá permitir, polo menos:

1. Realizar a trazabilidad dos produtos agroalimentarios durante todas as fases da súa cadea de produción, desde a orixe ata o produto final ou residuo xerado.
2. Incorporar dita información a unha etiqueta dixital de fácil disposición e lectura, de forma que toda a información estea accesible para o cliente final ou calquera axente intermediario
3. Facilitar a xestión da valorización dos residuos orgánicos resultantes da produción, mediante a creación dunha rede dixital de produtores e potenciais usuarios dos residuos

Reto 3 - Sistema de axuda á decisión para actividades agrarias nas Aldeas Modelo

O obxectivo deste reto é o desenvolvemento dunha plataforma intelixente que será albergada pola Xunta de Galicia e posta ao dispor dos produtores agroalimentarios da rede de Aldeas Modelo, orientada a facilitar a toma de decisións nas actividades agrarias permitindo un sistema de gobernanza e xestión das terras e das actividades produtivas máis rendible, eficiente e sostible.

A plataforma será accesible en liña para os produtores das aldeas modelo e incluirá unha ou varias aplicacións para dispositivos móbiles que poderán estar orientadas a cada orientación produtiva (gandería en extensivo, viñedo, froiteiros, agricultura ecolóxica, etc.).

O sistema incluirá, como mínimo, os seguintes submódulos:

1. Identificación de usos óptimos
2. Subsistema de control e axuda á decisión para gandería en extensivo
3. Subsistema de axuda á decisión para cultivos
4. Subsistema de axuda á decisión para produción ecolóxica

Reto 4 - Sistema enerxético integral para Aldeas Modelo

Búscase obter un sistema enerxético innovador e integral nas aldeas modelo que dea paso a un modelo de comunidade enerxética local no contexto rural galego, que conforme unha garantía de subministración enerxética e fomente a actividade na aldea a través da aparición de novos negocios e de turismo sostible.

Este desenvolvemento deberá estar fundamentado no uso de enerxías renovables, priorizando o emprego de biomasa e residuos da actividade agraria das Aldeas Modelo co fin de potenciar a autosuficiencia enerxética e aproveitar sinerxias coas Comunidades de Montes Veciñais en man común.

A solución proposta deberá incluír os seguintes puntos:

1. Definición dun modelo xurídico de CEL para as aldeas modelo
2. Desenvolvemento dun modelo técnico de CEL para as aldeas modelo
3. Kit dixital para a xestión do sistema
4. Construción dun proxecto piloto de CEL nunha aldea modelo

Reto 5 - Edificación e urbanización sostible

O obxectivo principal deste reto é obter solucións innovadoras para a edificación e a urbanización sostible nas Aldeas Modelo, que respecten a arquitectura orixinal e melloren a habitabilidade e a eficiencia enerxética a través da utilización de tecnoloxías innovadoras sostibles e materiais autóctonos.

Ademais, valorarase a proposta de incorporar sistemas modulares e configurables para a xeración de hábitats e a creación de comunidades na contorna rural, orientados á mellora da habitabilidade das construcións tradicionais, incluíndo sistemas innovadores e sostibles de enerxía, depósitos de auga, etc.

Finalmente, débese incluír un deseño innovador de mobiliario intelixente, que proporcione pezas únicas e innovadoras, que ademais acheguen novos servizos aos cidadáns das aldeas, mellorando e conectando os espazos públicos baixo criterios de inclusión e accesibilidade.

As solucións propostas executaranse nunha ou dúas aldeas modelo en función do seu custo e da existencia das condicións requiridas nas aldeas. Aplicaranse para a construción ou rehabilitación de edificacións xestionadas pola Xunta de Galicia ou ben en edificacións ou espazos públicos de titularidade municipal a través de convenios cos concellos.