A Xunta anima a empresas e particulares a participar na segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, preside a xornada de presentación das fichas de avance para os retos do Proxecto Aldeas Intelixentes.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural presidiu o acto que tivo lugar na Cidade da Cultura. Na primeira consulta preliminar, 124 pemes e 44 corporacións presentaron un total de 168 propostas coas que dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural. Inés Santé instou agora a remitir proxectos para avanzar na xestión intelixente de servizos, na valorización de produtos agroalimentarios, nas decisións para actividades agrarias ou nun sistema enerxético integral.

A Xunta lanzou hoxe a segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. O acto -que estivo presidido pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé- sucede á primeira consulta preliminar levada a cabo en novembro pasado, que se saldou coa presentación de 168 propostas por parte de 124 pemes e 44 corporacións para dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural.

En concreto, segundo lembrou a directora xeral, as iniciativas presentadas respondían aos retos de implementar servizos dixitais rurais, solucións tecnolóxicas para a bioeconomía, a sustentabilidade e economía circular da produción agraria e a mellora do núcleo rural das aldeas modelo con máis formación, innovación e cultura empresarial. Unha vez recibidas todas as iniciativas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural seleccionou as que mellor se adecuaban aos retos establecidos, xerando novos obxectivos máis específicos que agora cómpre desenvolver.

De aí xorde a convocatoria desta segunda consulta pública, segundo apuntou Inés Santé, para establecer posibles casos de uso e, no seu caso, engadir novas funcionalidades que dean resposta ás finalidades recollidas na convocatoria, co gallo de crear unha rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais, proporcionando aos axentes locais as ferramentas necesarias para aproveitar o seu potencial e así contribuír a grandes retos como a seguridade alimentaria, a fixación de poboación ou a loita contra o cambio climático.

Así, a directora xeral animou á presentación de novas propostas, que poderán ser enviadas por calquera persoa física ou xurídica, con independencia de se remitiron ideas con anterioridade. En concreto, os retos que se marcan agora son desenvolver unha plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local e outra para a trazabilidade e a valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo. Tamén se aposta por implementar un sistema de axuda á decisión para actividades agrarias nestas aldeas e por unha estratexia enerxética integral para todas estas figuras, entre outros aspectos.

Poñendo en valor que a Xunta xa ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman máis de 600 hectáreas e 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concluíu referíndose a estas iniciativas como o xerme do futuro rural, onde haberá -dixo- máis oportunidades e un porvir sostible para as próximas xeracións.

Cómpre engadir que a iniciativa “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.